O Club Baloncesto IES Sanxillao naceu do compromiso conxunto das familias, do profesorado e do equipo directivo do IES Sanxillao. Xuntos puxeron en marcha un proxecto deportivo e educativo que vai moito máis alá da cancha.
No ano 2023, co obxectivo de que o alumnado puidese competir nas ligas federadas e continuar gozando do baloncesto tamén nas fins de semana, constitúese oficialmente o club. Nos seus estatutos queda reflectido que a directora e a vicedirectora do centro ocupan os cargos de presidenta e vicepresidenta do club, garantindo así que o proxecto manteña sempre unha conexión directa co centro educativo e cos seus valores.
Detrás do CB IES Sanxillao hai moito corazón. As familias desempeñan un papel fundamental, dedicando tempo, ilusión e esforzo a coidar este proxecto. Sen elas, nada disto sería posible.
O club conta tamén co apoio dos pequenos comercios do barrio, tecendo así unha rede de colaboración entre todos os axentes do noso contorno. O noso club é un verdadeiro espazo de comunidade.
As persoas socias fundadoras son:
Ángela (Presidenta e directora do centro)
Sandra (Vicepresidenta e vicedirectora)
Modesto (Tesoureiro)
Pablo (Secretario)
Vogais: Odilo, Marta, Marco, José Manuel, Ana e José Antonio
Na actualidade, o equipo medrou coa incorporación de novas persoas ao grupo de vogais: Ana, Fatiha, Mari, Juan e Pablo.
Hoxe, o CB IES Sanxillao é moito máis ca un club de baloncesto. É un espazo onde medrar, compartir e aprender en equipo. Un proxecto feito por e para o alumnado, que medra cada día coa forza da nosa comunidade.